Estas incorporacións de alta tecnoloxía xorden do recente convenio de colaboración entre a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e Novartis
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés dispón de dous novos equipamentos de tomografía de coherencia óptica -OCT- para o diagnóstico precoz da dexeneración macular. Estas incorporacións de alta tecnoloxía xorden do recente convenio de colaboración entre a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e Novartis.
Estes dous novos equipos de tomografía de coherencia óptica -OCT- veñen de emprazarse tanto no Centro de Especialidades da Casa do Mar de Mollabao, en Pontevedra, coma no Hospital do Salnés, en Vilagarcía de Arousa. Facilitan, por unha banda, o diagnóstico precoz da dexeneración macular asociada á idade e, por outra, estes equipamentos oftalmolóxicos permiten ampliar o circuíto de alta resolución utilizado para o manexo desta patoloxía ocular.
Causa principal de diminución da visión en maiores de 55 anos
Segundo sinala o xefe de servizo de Oftalmoloxía da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, o doutor Eloy Viso Outeiriño, “a dexeneración macular asociada á idade é a causa principal de diminución da visión en maiores de 55 anos. A gran presión asistencial que supón o manexo desta enfermidade e doutras patoloxías asociadas ao edema macular supón un reto importante na nosa Área Sanitaria, sobre todo na actual pandemia, non só pola súa alta prevalencia senón tamén pola complexidade do seu tratamento, que precisa inxeccións intravítreas de diversos fármacos precoz e continuadamente”.
A ferramenta fundamental para levar a cabo o diagnóstico e o seguimento dos casos de dexeneración macular asociada á idade é a tomografía de coherencia óptica. A dispoñibilidade destes novos equipos no Sistema Sanitario Público de Pontevedra e O Salnés permite a consolidación de circuítos de alta resolución, nos cales un oftalmólogo revisa as probas e explora ao paciente, mentres que outro oftalmólogo -asistido por persoal de Enfermaría- administra os fármacos.
Deste xeito, axilízanse as consultas, reducindo os fluxos de pacientes e profesionais, dinamizando así mesmo as aplicacións de tratamentos oftalmolóxicos á poboación.




