A XUNTA AMPLÍA DESDE ESTE LUNS A OFERTA DE SERVIZOS DE AUTOBÚS ENTRE VIGO E O AEROPORTO DE SANTIAGO POLO PECHE TEMPORAL DA TERMINAL DE PEINADOR
A Xunta amplía desde este luns, 20 de maio, os servizos de autobús entre Vigo e o aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela activados a causa do peche temporal da terminal de Peinador. Co obxectivo de atender a demanda das persoas viaxeiras afectadas, adaptarase o itinerario dalgunhas liñas da conexión Vigo-Santiago de Compostela, coa incorporación dunha parada no aeroporto compostelán e coa creación dunha nova liña ata a Estación Intermodal de Vigo para as fins de semana.
Así, para desprazarse dende Vigo ata o Aeroporto de Santiago de Compostela de luns a sábado habilitaranse servizos adicionais que amplían as opcións dispoñibles, con saída ás 19,00 horas da Estación Intermodal de Vigo. Os domingos e festivos, disporase doutro servizo con saída ás 19,30 horas.
Para desprazarse dende o aeroporto Rosalía de Castro ata Vigo, de luns a venres haberá unha expedición adicional con saída estimada do aeroporto ás 22,05 horas e chegada prevista a Vigo ás 23,40 horas.
Por outra banda, para os sábados e os domingos creouse unha nova liña, Aeroporto Rosalía de Castro – Santiago E.I. -Pontevedra E.A. – Vigo E.I., con saída do aeródromo ás 22,00 horas e chegada prevista a Vigo ás 23,20 horas.
Estes cambios súmanse aos servizos xa existentes, con saídas dende Vigo ás 04,30, 07,30 – de luns a venres – e 10,45 horas – todos os días –e do aeroporto cara a Vigo ás 08,55, 12,55 – todos os días – e 18,45 horas – agás os xoves –.
Coa posta en marcha destes servizos, a Xunta continúa a traballar nunha solución ante a necesidade de facilitar os traslados ao aeroporto de Santiago das persoas viaxeiras afectadas polas obras na pista de aterraxe na terminal viguesa que son competencia da empresa pública estatal Aena.
A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.




