HomeXunta de GaliciaA Xunta apoia un ano máis a formación de persoas expertas en...

A Xunta apoia un ano máis a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento

- Anuncio -spot_img

― O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, recibiu hoxe ás persoas beneficiarias das bolsas de formación en cooperación internacional para o desenvolvemento


― Dúas das persoas seleccionadas estarán na sede da Dirección Xeral en Santiago de Compostela e as restantes terán como destino as Oficinas da Cooperación Española da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento na República Dominicana, Guatemala, Bolivia e Mozambique

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, recibiu hoxe as persoas beneficiarias das bolsas de formación da Cooperación Galega, que teñen como obxectivo principal apoiar a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e complementar así a súa formación académica con estadías nas oficinas da cooperación española da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento no exterior ou na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

As persoas bolseiras participaron nunha xornada con persoal técnico da dirección xeral antes de partir aos seus destinos no exterior, na que recibiron información sobre as liñas de traballo da Cooperación Galega, os proxectos que se están a financiar e que poderán visitar na súa estadía en terreo así como cuestións prácticas das bolsas.
Todos os países de destino destas bolsas -República Dominicana, Guatemala, Bolivia e Mozambique- son considerados países prioritarios da Cooperación Galega segundo o establecido no V Plan Director da Cooperación Galega 2023-2026. Dúas das persoas bolseiras realizarán a súa formación na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, en Santiago de Compostela.
Durante a xuntanza, o director xeral destacou a utilidade deste instrumento para facilitar ás persoas bolseiras unha formación especializada no eido da cooperación internacional para o desenvolvemento, o beneficio que supón para a Administración e o sector no seu conxunto, por ser un investimento que terá un retorno a medio e longo prazo para todo o sistema de cooperación e pola importancia de reforzar a relación entre a Xunta e outras institucións nas que se desenvolven as bolsas.
As actividades destinadas á formación de persoal especializado constitúen unha tarefa básica que a Xunta leva a cabo no marco do fortalecemento do sistema galego de cooperación, sendo o apoio á formación e capacitación especializada dos actores e axentes galegos de cooperación unha das liñas de actuación recollidas no V Plan director da cooperación galega.
Bolsas de formación da Fundación Galicia Europa
Por outra parte, o pasado xoves, 5 de setembro, os novos bolseiros da Fundación Galicia Europa (FGE) tamén foron recibidos polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE na oficina da entidade en Bruxelas.

Catro das persoas seleccionadas integraranse durante os próximos 11 meses no equipo da FGE en Bruxelas. Dous bolseiros formaranse en asuntos comunitarios en xeral e un terceiro especializarase en comunicación das actividades da FGE, das políticas europeas e da participación e presenza galega neste ámbito. O cuarto bolseiro realizará prácticas de secretariado e apoio administrativo.

Nos próximos días, incorporarase unha quinta bolseira, especializada no ámbito do I+D+i, para realizar 12 meses de prácticas no marco dun acordo coa Axencia Galega de Innovación (GAIN). Todos eles superaron un proceso de selección ao que se presentaron máis de 40 candidaturas.

Máis de de 500 mozos e mozas galegos téñense beneficiado do programa de bolsas da fundación co obxectivo de facilitarlles a mobilidade e o acceso ao mercado laboral, ademais de darlles a oportunidade de traballar nunha contorna europea e multicultural.

Publicacións Relacionadas