HomeO MorrazoMoañaA Xunta contribue a eliminar un punto de vertido de augas residuais...

A Xunta contribue a eliminar un punto de vertido de augas residuais no concello de Moaña

- Anuncio -spot_img

Os técnicos do Programa de control de vertidos, dependente de Augas de Galicia, atenderon a incidencia a raíz dunha denuncia recibida a través do 112

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar un punto de vertido de augas residuais de carácter municipal localizado na avenida Concepción Areal, no concello pontevedrés de Moaña.

A raíz dunha denuncia recibida a través da central de emerxencias 112, persoal do Programa de control de vertidos desprazouse ata a zona para comprobar cal era a situación, detectando a existencia dun caudal de augas residuais no muro de contención do paseo marítimo que estaba a afectar á ría.

Durante a inspección, os técnicos do organismo autonómico comprobaron que o vertido se correspondía cunha filtración procedente da infraestrutura de saneamento municipal, polo que procederon a poñelo en coñecemento do Goberno local de Moaña para que adoptase as medidas necesarias e corrixira a situación.

Nunha visita posterior á mesma zona, o persoal de Augas constatou que xa se eliminara o aporte de augas residuais ao dominio público despois de que persoal da empresa xestora do saneamento municipal procedera ao selado do pozo de rexistro da rede desde o cal se estaba a producir a filtración.

Publicacións Relacionadas