Inclúe un total de 32 cursos que suman máis dun milleiro de horas e van destinados a persoal da Policía Local e tamén a profesionais da Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil que traballan en Galicia
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o plan de formación continua da AGASP do primeiro semestre para o persoal da policía local e demais profesionais das forzas e corpos de seguridade do Estado que traballan en Galicia, é dicir, Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil. O plan, ao igual que o ano pasado, impartirase na modalidade de teleformación debido á covid-19 e inclúe 32 actividades con máis dun milleiro de prazas e tamén máis dun milleiro de horas de formación.
Durante os próximos meses -entre marzo e setembro- impartiranse cursos en materias como o a seguridade viaria, violencia de xénero, ciberseguridade, delitos contra o patrimonio, ocupación ilegal de inmobles, o marco regulador dos drons ou bandas xuvenís, así como cursos de idiomas ou de linguaxe administrativa, co obxectivo que os profesionais das forzas de seguridade poidan continuar a actualizar os coñecementos relacionados coa súa actividade profesional.
A formación realizarase a través da plataforma de formación en liña cun 80% das clases nesta modalidade de asistencia obrigatoria, aínda que algunhas das clases e as probas finais serán presenciais na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, onde se tomarán tódalas medidas hixiénico-sanitarias para garantir a seguridade do alumnado.
O prazo para inscribirse nestes cursos comeza a partir de mañá e prolongarase ata o 15 de marzo a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web http://agasp.xunta.gal. A formación dará comezo o 22 de marzo.
Ademais, nos próximos días publicarase a convocatoria dos 9 cursos presenciais, que contan con 158 prazas e 341 horas de formación en cursos de operadores de radar, condución policial, autoprotección, reconstrución de accidentes de tráfico; así como formación sobre o manexo do bastón policial, das pistolas eléctricas Taser ou de desfribilidaroes externos semiautomáticos (DESA).
Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia tamén publica hoxe a convocatoria da primeira práctica do plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas. A actividade vai dirixida aos concellos galegos para cumprir coa Lei 4/2007 de coordinación de policías locais no que ser refire a contar cunha adecuada preparación no uso de arma regulamentaria para o persoal destes corpos de seguridade. Neste ano prevese que participen 800 axentes en exercicios de tiro de precisión e en movemento. Esta convocatoria ampliarase con máis horas debido a que o ano pasado non se puido levar a cabo esta práctica polas restricións da covid-19 pero o aforo da galería de tiro reducirase ao 50% para cumprir coa normativa vixente con 4 persoas por exercicio.
Os concellos interesados deberán remitir o formulario dispoñible na web da AGASP antes do 4 de marzo e as solicitudes, que terán que estar autorizadas pola alcaldía, remitiranse ao correo electrónico formacion.agasp@xunta.gal ou a través do rexistro electrónico.




