HomeXunta de GaliciaA Xunta destaca en Ourense o papel da divulgación dos oficios para...

A Xunta destaca en Ourense o papel da divulgación dos oficios para a posta en valor da artesanía

- Anuncio -spot_img
  • O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta tarde o obradoiro taller Arte 3, especializado en restauración e dourado, que hoxe abría as súas portas con motivo dos Días Europeos da Artesanía
  • A iniciativa enmárcase na programación da Asociación de Artesáns de Ourense que inclúe outras doce actividades de iniciación nos ámbitos da bixutería, da cerámica, da olería, do coiro, da xoiería ou do vidro, que se desenvolverán ata o próximo domingo

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, achegouse esta tarde ata o local do obradoiro Arte 3, especializado en restauración e dourado, que estes días abre as súas portas para amosar diferentes técnicas do seu oficio con motivo da celebración dos Días Europeos da Artesanía. Durante a súa visita, Gabriel Alén destacou a relevancia de amosar os procesos de traballo que implica o produto feito á man para que a sociedade descubra os diferentes oficios artesanais e tome consciencia dos valores da artesanía.

Esta actividade forma parte da programación impulsada pola Asociación de Artesáns de Ourense para conmemorar os Días Europeos da Artesanía 2026, unha iniciativa que se celebra anualmente en diferentes países para amosar a riqueza e a singularidade dos oficios artesanais a través de actividades gratuítas que acheguen o público a técnicas, oficios e materiais, e que este ano se celebran entre os días 7 e 12 de abril baixo o lema Co corazón no oficio.

A titular de Arte 3, Pamen Díaz, encargarase de dar a coñecer o seu oficio a través de tres obradoiros: o de Taller de aplicación e acabados con pan de ouro, prata e cobre, realizado esta tarde, e dous obradoiros de Restauración exprés de mobles previstos para o xoves 9 de 17,00 a 20,00 e para o venres 10 en horario de 10,00 a 13,00h.  

A programación da Asociación de Artesáns de Ourense iniciouse onte martes no local desta entidade na rúa Colón cun obradoiro de cerámica impartido por Mario López, un de bixutería con María Aba —que se repetirá o 9 de abril pola mañá e o sábado 11 en horario de mañá e tarde—  e outro obradoiro de coiro impartido por Luciérnaga coiro. Ata o próximo domingo 12 de abril, están previstas outras actividades gratuítas de iniciación a oficios como a olería, a xoiería ou o vidro.

O 9 de abril Mario coiro impartirá un obradoiro de xoiería en horario de mañá e tarde; o venres e o sábado Graciela Jiménez ofrecerá demostracións de confección dunha lámpada de vidro tipo Tiffany e de pintura sobre porcelana, respectivamente, en horario de mañá e de tarde. Tamén está programada unha demostración da elaboración de zapatos mocasíns  para o venres 10 e outra de decoración e tinguido de pezas a cargo de Mestura de Kores, o sábado 11.

Ademais destes talleres no local de ADAO, o obradoiro Viktória Szabó ofrece xornadas de portas abertas e demostracións de cerámica, no seu local en Fisterra entre hoxe e o venres 10 de abril, e o obradoiro Olería do Batán abrirá o seu obradoiro en Baños de Molgas para ofrecer unha demostración de olería tradicional de Tioira, o sábado 11 de abril, e unha experiencia de modelado no torno, o domingo día 12, en horario de mañá e de tarde.

Publicacións Relacionadas