HomeXunta de GaliciaA Xunta e o Norte de Portugal analizan a ordenación do sector...

A Xunta e o Norte de Portugal analizan a ordenación do sector forestal na Eurorrexión

- Anuncio -spot_img

A AECT Galicia-Norte de Portugal organizou unha nova edición do encontro “Diálogos na Fronteira”, no que participaron 50 representantes das administracións galega e portuguesa e profesionais do sector

Uns 50 representantes das administración galega e portuguesa, de asociacións do sector forestal, técnicos e investigadores, participaron esta semana na segunda edición dos Diálogos na Fronteira, centrada, nesta ocasión, na análise do presente, os retos de futuro e as posibilidade de cooperación transfronteiriza no ámbito do ordenamento forestal. Este foro permitiu avaliar as potencialidades dun sector clave para acadar un novo modelo de desenvolvemento nas áreas rurais, minguar o efecto do cambio climático e protexer a biodiversidade

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal organizou este encontro no que participaron a vicepresidenta da CCDR-N, Célia Ramos, que
destacou o importante e variado papel dos bosques e a pertinencia da colaboración dentro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no ámbito do ordenamento forestal para facer fronte os cambios que se están a experimentar neste territorio.

Alén das peculiaridades de cada territorio, os dous poñentes deste encontro -a directora rexional do Norte do Instituto da Conservação da Natureza e das Florestas (ICNF), Sandra Sarmento e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta, José Luis Chan- deixaron claro que o ordenamento forestal en Galicia e o no Norte de Portugal está marcado por retos e circunstancias comúns: o incremento de dimensión e virulencia dos lumes forestais, a fragmentación da propiedade das terras, a necesidade de mellorar o coñecemento sobre o territorio ou o abandono de certos usos tradicionais das áreas forestais que as fan máis vulnerables fronte as ameazas.

Nesta liña, cómpre lembrar que a Xunta vén de impulsar a 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2020-2040 Cara á neutralidade carbónica, que contempla un investimento de 4.900 millóns de euros deica o ano 2040, dos que uns 4.000 millóns serán fondos públicos. Así, durante o encontro, José Luis Chan trasladou que, entre as principais finalidades deste plan, está acadar as 425.000 hectáreas de frondosas e, no caso do castiñeiro, actuarase en 8.000 hectáreas nos próximos 20 anos para recuperar soutos tradicionais, mentres se plantarán outras 16.000 ha tanto para a produción de castaña como para a xeración de madeira. Polo tanto, evidenciou o director xeral, búscase un monte multifuncional, rendible e no que se aposte polas variedades autóctonas.

Pola súa banda, Sandra Sarmento lembrou que, en maio do pasado ano, oGoberno portugués aprobou o Programa de Transformação da Paisagem, que busca garantir a resiliencia, sostibilidade e valorización dos territorios máis vulnerables.

Anticipación aos lumes
Un aspecto clave na cooperación transfronteiriza en materia forestal é a que ten que ver coa loita e a prevención dos incendios. Os lumes non entenden de fronteiras, polo que un mellor coñecemento das respectivas políticas forestais e o impulso na cooperación e coordinación en materia de loita contra os incendios poden servir para marcar a diferenza nos vindeiros anos. Precisamente a cooperación para minimizar o impacto dos incendios é unha das prioridades que marca o futuro Plan de Investimentos Conxuntos 2021-2027, alertando de que os lumes son cada vez máis rápidos e de maior envergadura, polo que compre fomentar respostas conxuntas e coordenadas.

Neste senso, cabe destacar o proxecto Interlumes, presentado recentemente, que permitirá a posta en funcionamento da primeira base transfronteiriza de medios aéreos para a loita contra os lumes forestais, cun investimento total que superará os nove millóns de euros. Dita instalación situarase en Verín e permitirá dar unha mellor e máis adecuada resposta ao risco nunha ampla área a ambos lados da fronteira entre España e Portugal, tanto pola súa localización como polas súas posibilidades de acoller diferentes tipos de aeronaves especializadas.

Diálogos na fronteira
Estes encontros en formato online nacen da necesidade de adaptación ás novas circunstancias impostas pola covid-19 e da vontade da AECT da Eurorrexión de impulsar unha serie de eventos, a modo de diálogo transfronteirizo, nos que especialistas e representantes das administracións podan analizar temas e problemas de interese común para Galicia e o Norte de Portugal e atopar formas de sacar partido ás potencialidades conxuntas. O primeiro destes Diálogos celebrouse o pasado mes de marzo, e estivo centrado nos desafíos demográficos no ámbito da Eurorrexión.

Publicacións Relacionadas