— Marisol Díaz pon en valor que Galicia foi a primeira autonomía española en dar luz verde a este instrumento para a creación de espazos cos que mellorar a resiliencia fronte ao cambio climático e a conservación da biodiversidade
— A directora xeral lembra que a comunidade galega defende a necesidade de revisar o nivel de protección do lobo para adaptalo á realidade de cada territorio e de estudar a realización de accións de control puntual da especie
A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, participou hoxe en Cáceres (Estremadura) no I Encontro nacional de directores xerais autonómicos da área de medio ambiente onde puxo en valor o traballo da Xunta na defensa dos valores naturais e ambientais da comunidade galega. De feito, lembrou que Galicia foi a primeira autonomía española en aprobar -a comezos de outubro do ano pasado- unha estratexia da infraestrutura verde co obxectivo de crear unha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia fronte ao cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións existentes na contorna.
A infraestrutura verde -iniciativa promovida pola Comisión Europea orientada a integrar, fortalecer e propiciar un uso racional dos elementos territoriais- busca a integración entre as necesidades de conservación de determinadas áreas e o uso sostible dos recursos naturais, a través dun marco básico e adaptativo de planificación sustentado nunha zonificación territorial homoxénea para todo o territorio europeo.
A directora xeral abordou distintos asuntos relacionados coa protección da biodiversidade e dos espazos naturais da comunidade así como coa xestión tanto dos animais domésticos como da fauna silvestre.
Xestión do lobo
Neste eido e en relación coa xestión do lobo, Marisol Díaz reiterou no encontro -que contou coa participación de representantes de 14 das 17 comunidades autónomas españolas- a demanda de Galicia de que as autonomías poidan realizar accións de control puntual sobre a especie así como a revisión do nivel de protección vixente para adaptalo á realidade de cada territorio.
De feito, lamentou a presión á que está sometido o sector gandeiro polo elevado número de ataques do lobo sufridos por algunhas explotacións, o que dificulta incluso nalgúns casos a súa viabilidade desde o punto de vista económico. Nesta liña, o número de avisos en Galicia por ataques incrementouse un 72% desde a inclusión desta especie na Listaxe de especies silvestres de réxime de protección especial (Lesrpe) -en setembro de 2021- e o número de reses afectadas incrementouse un 57%.
Mentres, os datos do censo elaborado pola Xunta estiman que a poboación desta especie se mantén estable na comunidade con arredor de 93 mandas, polo que a Xunta considera que o estado do lobo non é desfavorable. Trátase, de feito, dunha visión que comparte a Unión Europea como demostra o feito de que o Comité Permanente do Convenio de Berna do Consello de Europa aprobou recentemente a proposta para mudar o status internacional do lobo de estritamente protexido a protexido.




