O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, reuniuse hoxe na Coruña con xogadores, adestradores e directiva do club de balonmán OAR Coruña para darlles os parabéns con motivo do seu ascenso á División de Honra Prata masculina.
Na xuntanza, Diego Calvo salientou o bo momento que está a vivir o balonmán galego, cun aumento do número de licenzas ata as 11.000, das que o 40% son femininas. No que respecta ao OAR, salientou a constancia e o traballo do equipo que logra o ascenso tras tres tempadas seguidas xogando a fase final para subir á categoría de prata do balonmán nacional, onde coincidirá co Cisne. Neste sentido, expresou o seu desexo de que ambos os equipos poidan chegar á máxima división estatal, a Asobal, onde está o Cangas. O conselleiro tivo tamén un especial recordo para o técnico Pablo Aguirregabiria, falecido hai dous anos, ao que se referiu como “alma máter” do OAR.




