- A Consellería de Educación adxudica os contratos de 2025 por 18M€ para incorporar 49 novos investigadores a formación completa e facilitar a continuidade doutros 19
- Un total de 55 investigadores traballarán nas universidades públicas (23 na UVigo , 21 na USC e 11 na UDC) e outros 13 farano en organismos públicos de investigación
- Con esta nova inxección, o investimento en vigor por parte do Goberno galego para o persoal posdoutoral supera os 55M€ para preto de 300 contratos
Un total de 68 investigadores posdoutorais desenvolverán o seu traballo no sistema de I+D+i de Galicia grazas a convocatoria de axudas deste 2025 da Xunta de Galicia.
Cunha achega de case 18M€, financiarase ata 2031 o traballo de 68 profesionais xa doutorados nas universidades públicas galegas, a razón de 23 na Universidade de Vigo, 21 na Universidade de Santiago, e 11 na Universidade da Coruña.
Tamén desenvolverán o seu labor 13 persoas noutros organismos públicos de investigación, en fundacións públicas de investigación sanitaria e nos centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) da nosa Comunidade. Concretamente, catro farano na Misión Biolóxica de Galicia do CSIC en Pontevedra, outros catro na Fundación pública galega Instituto de Investigación Sanitaria en Santiago, dous na Fundación pública galega de Investigación Biomédica (INIBIC) na Coruña, un no Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Pontevedra, outro no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) en Santiago, e por último, un na Fundación Centro Tecnolóxico da Carne en San Cibrao das Viñas.
Con esta nova inxección, o investimento en vigor por parte do Goberno galego para o persoal posdoutoral supera os 55M€ para preto de 300 contratos, o que se plasma no compromiso da Xunta coa investigación e a innovación en Galicia.
Posdoutorais de seis anos
Concretamente, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de conceder axudas a un total de 49 investigadores cun orzamento de preto de 15M€ para incorporarse a súa formación nos centros, unidades ou departamentos correspondentes, permitindo a mellora das súas capacidades e o desenvolvemento da súa carreira científica.
Durante os primeiros tres anos, os beneficiarios recibirán ata 34.300 euros ao ano. A maiores, terán un complemento por cada mes de estadía no estranxeiro segundo a zona de destino e se teñen a condición de bolseiro Fulbright. Durante os tres anos seguintes, logo de superar a avaliación intermedia, obterán 50.900 euros anuais, incluídos os complementos para o establecemento dunha liña propia de investigación.
No que atinxe á convocatoria de axudas para completar a etapa posdoutoral, a Xunta concedeu un total de 19 axudas cun orzamento duns 3M€. Con esta liña, a Consellería completa a formación dos investigadores que aínda continúan no modelo anterior de posdoutorais, que tiña unha duración de cinco anos, dividido en dúas fases de tres e dous anos, e cuxos contratos poden así estenderse a un total de seis anos en igualdade de condicións co novo modelo. O importe máximo da axuda será de 49.950 euros anuais.
Como novidade este ano, o Goberno galego aumenta as axudas para o financiamento dos contratos posdoutorais, actualizando as contías e así incrementar o poder adquisitivo das persoas contratadas.
Retención de talento
Estas dúas accións forman parte da aposta decidida do Goberno galego pola ciencia, algo que queda latente co Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, dotado con 1.310M€ e que se centra, entre outras áreas, no talento. Neste eido, precisamente, as axudas a contratos posdoutorais son un dos piares da contratación de investigadores universitarios, xunto coas axudas a contratos predoutorais e o apoio aos grupos de investigación. De feito, a Xunta ten actualmente en vigor un investimento de case 241M€ dedicado a contratación de persoal ao abeiro destas.




