- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, afirmou hoxe no Parlamento que Galicia segue esperando pola maquinaria comprometida
- Agradeceu o traballo levado a cabo por todos os medios humanos e materiais de competencia autonómica, local e estatal que participaron na extinción dos lumes pero lamentou que este esforzo non viu acompañado do envío dos medios solicitados Executivo estatal para as tarefas, que xa están en marcha de protección contra escorrentías e arrastres
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, lamentou hoxe no Parlamento de Galicia a falta de implicación do Goberno central na recuperación da superficie afectada polos incendios durante o verán. Segundo indicou, mentres a Xunta está a traballar xa para contrarrestar os posibles efectos por arrastres por choiva e asegurar infraestruturas básicas para a poboación, Galicia segue a esperar pola maquinaria comprometida polo Goberno central para apoiar nestes labores.
Diego Calvo salientou a importancia do traballo desenvolvido polos medios humanos e materiais de competencia autonómica, local e estatal que participaron durante a extinción: profesionais do servizo de extinción da Consellería do Medio Rural, bombeiros, efectivos das brigadas municipais, GES ou agrupacións de voluntarios de Protección Civil, axentes medioambientais, ou forzas e corpos de seguridade como a Garda Civil ou a Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA), ademais do 112 Galicia. Tamén puxo en valor o importante papel doutros medios estatais como a Unidade Militar de Emerxencias (UME), a Brilat ou as Brigadas de Reforzo de Incendios Forestais (BRIF) que traballaron xunto co dispositivo da Xunta, ao igual que os concellos, os medios desprazados doutras localidades galegas e doutras comunidades ou os propios veciños e veciñas.
Pese a este recoñecemento aos medios humanos e materias que colaboraron na extinción, algúns deles tamén estatais, lamentou a falta de celeridade do Goberno central no envío de maquinaria específica, para as tarefas que se están xa a realizar actualmente. Así, lembrou que o pasado 25 de agosto remitiu unha carta ao Goberno central, concretamente á ministra de Defensa, solicitando os medios pesados militares que permitisen o repaso de perímetros, o reforzo de liñas de control ou a reparación de pistas, xunto con maquinaria especializada para limpeza de cunetas útil nas tarefas que se están levando a cabo para contrarrestar os posibles efectos por arrastre por choiva ou escorrentías. Pese a isto, e a que a ministra amosou a súa disposición a atender a demanda, lamentou que a data de hoxe, 10 de setembro, esa maquinaria específica solicitada ao Goberno aínda non está a traballar.
Por outra parte, o conselleiro incidiu na rigorosidade e axilidade de acción por parte da Xunta, tanto nun primeiro momento para facerlle fronte aos lumes como despois para axudar as persoas afectadas e restaurar os terreos queimados. Nesta liña, apuntou que o Goberno central estivo informado en “tempo real” da situación e, ao mesmo tempo que se traballaba na extinción, “íamos pedindo os medios necesarios coa mesma inmediatez”.
Na súa intervención, Diego Calvo demandou tolerancia cero cos incendiarios para “que todo o peso da lei recaia sobre eles con condenas exemplares”.




