— Preto de 300 prazas están dispoñibles en liña na central de reservas do Parque Nacional e o resto asignaranse no mesmo día nas casetas de información das illas
— Estas visitas, dirixidas por guías profesionais do parque nacional, pretenden dar a coñecer entre os visitantes o patrimonio natural e ambiental de ambos arquipélagos así como aspectos destacados da súa historia
— Todos os itinerarios, entre os que se inclúen algúns específicos para menores de idade, están pensados para grupos reducidos cos que garantir unha experiencia de calidade e personalizada promovendo ao mesmo tempo a preservación da contorna
A Xunta de Galicia ofrece durante esta próxima Semana Santa un total de 650 prazas para coñecer as illas Cíes e Ons, a través de rutas guiadas de carácter gratuíto. Delas, preto de 300 poden reservarse xa en liña a través da central de reservas do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas mentres que o resto estarán dispoñibles de forma presencial nas casetas de información instaladas nas illas.
Estas visitas, dirixidas por guías profesionais do parque, pretenden dar a coñecer aos visitantes o patrimonio natural e ambiental de ambos arquipélagos así como aspectos destacados da súa historia. Todas as rutas están pensadas para grupos reducidos para garantir unha experiencia de calidade e o máis personalizada posible, á vez que se preserva a contorna natural.
Unha das rutas dispoñibles é Cíes, illa das paisaxes, programada para os días 23, 24, 30 e 31 de marzo tanto en horario de mañá como de tarde, de arredor de dúas horas de duración que permitirá coñecer os distintos espazos e atractivos da illa e que concluirá no miradoiro da Pedra da Campá ou no do Alto do Príncipe.
Outra opción é Ons, unha illa de dúas caras, prevista para os días 24, 29, 30 e 31 de marzo ao mediodía. Esta ruta, tamén de dúas horas de duracións, transcorre pola parte central da illa, pasa polas inmediacións do faro e percorre distintas paisaxes como os barrios aínda habitados, praias ou cantís, entre outros.
Estas rutas están pensadas para adultos, pero a oferta do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia tamén inclúe propostas máis familiares recomendadas para menores de idade, de entre os 5 e os 12 anos. As rutas, denominadas A vista de paxaro, serán o día 25 de marzo en Ons e o 27 de marzo en Cíes e nelas as rapazas e rapaces -que deberán ir acompañados dunha persoa adulta- vivirán unha experiencia participativa coa que as aves lles irán presentando a paisaxe das illas.
Este tipo de itinerarios guiados e de balde por Cíes e Ons veñen ofrecéndose de forma case ininterrompida coincidindo cos períodos nos que se ofrece o servizo de transporte regular en barco a ambos arquipélagos.
Oferta complementaria
Nesta liña, o parque nacional ofrece esta primavera de forma complementaria un total de 140 prazas para participar en rutas guiadas polos catro arquipélagos -Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada-, co fin de dar a coñecer entre os visitantes os seus principais valores e singularidades nunha época do ano distinta ao verán e na que, ademais, moitos procesos naturais se poñen en marcha nas illas. As visitas serán de balde e enmárcanse no programa Descubrindo o Parque Nacional.
E, a maiores, en todas as illas, existen itinerarios sinalizados pensados para visitantes que queiran practicar sendeirismo neste espazo natural. Cada unha destas rutas está marcada cunha cor e tanto nas propias illas como na web do parque hai dispoñibles folletos explicativos cos percorridos. Adicionalmente, no caso de Ons pódese facer a ruta sur de forma autoguiada a través do folleto Os nomes da illa, e outras dúas temáticas: Arqueoloxía en Ons e a Ruta do lagarto.
Tal e como se recolle no Plan reitor de uso e xestión do parque, a Semana Santa é un dos períodos do ano, xunto cos meses de verán, no que se permite o transporte regular en barco aos arquipélagos de Cíes e de Ons, previa autorización por parte da Xunta.
En todo caso, para poder acceder ao Parque Nacional esta Semana Santa é imprescindible tamén adquirir un billete de barco con calquera das navieiras autorizadas a operar o servizo de transporte regular ás illas. Será nese momento, unha vez comprado o billete, cando a autorización de acceso outorgada pola Xunta quede confirmada e se lle remitirá por correo electrónico ao solicitante, que poderá descargala se o prefire desde a propia páxina web.




