HomeXunta de GaliciaA Xunta pon en valor o traballo da Policía para consolidar Galicia...

A Xunta pon en valor o traballo da Policía para consolidar Galicia como unha comunidade segura

- Anuncio -spot_img

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Marta Barreiro, participaron hoxe na conmemoración e entrega de condecoracións do Día da Policía, con motivo do seu patrón, os Anxos Custodios
Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2022.- O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe xunto coa secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Marta Barreiro, na celebración do Día da Policía que cada ano organizan de maneira conxunta a Policía Autonómica e a Policía Nacional con motivo do seu patrón, os Anxos Custodios, e no que tamén se entregaron as condecoracións anuais coincidindo ademais co 200 aniversario da creación deste corpo de seguridade. Na súa intervención agradeceu o traballo de todos os axentes para velar cada día pola seguridade da cidadanía galega contribuíndo a que Galicia sexa unha comunidade segura. Ao acto tamén acudiu o comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal.
Nesta ocasión o subdirector xeral de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto, recibiu en nome do departamento autonómico o recoñecemento pola colaboración prestada nos diferentes operativos coas forzas policiais. Un traballo conxunto que, entre outras cousas, permite reforzar a loita contra o furtivismo ao longo de toda a costa galega.
Na celebración do patrón, Santiago Villanueva incidiu na importancia da coordinación das forzas e corpos de seguridade, así como dos servizos de emerxencias. Por iso, puxo en valor a implicación e o traballo de todos os axentes que axudan a que Galicia sexa un destino seguro para toda a cidadanía galega e tamén para os turistas e peregrinos que visitan e camiñan a Galicia. Nesta liña, lembrou que os efectivos da Policía Nacional e do resto de forzas e corpos de seguridade que traballan en Galicia teñen á súa disposición a ampla oferta de cursos do plan de formación continua da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) para actualizar os seus coñecementos.
Por outra parte, lembrou que é preciso que o Goberno central atenda á demanda reiterada da Xunta para completar o cadro de persoal da Policía Autonómica, que se atopa ao 70% da súa capacidade, ao mesmo tempo que o número de competencias van en aumento asumindo funcións en materia de seguridade, operativos de loita contra os incendios forestais e o furtivismo e o marisqueo ilegal, así como dispositivos de protección de menores ou de vixilancia do patrimonio natural e cultural, incluíndo as rutas xacobeas.

Publicacións Relacionadas