― O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou as instalacións do Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), que conta cunha unidade operativa de drons
― O Goberno galego destinará máis de 721.300 euros a esta solución innovadora que combina o uso de vehículos non tripulados e a intelixencia artificial
― Diego Calvo avanzou que as contas da consellería para 2025 inclúen tamén o avance no novo edificio xudicial da Estrada, que supón un investimento total de máis de 3,2M€ e se prevé que estea rematado no primeiro semestre do próximo ano
― As axudas dirixidas a entidades veciñais rexistrarán unha suba histórica ata os 4M€, o Plan da Cooperación Galega aumentará un 10% ata os 9,9M€ e manteranse as bonificacións coa Tarxeta Xente Nova e a Tarifa 65+ no transporte público autonómico
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu hoxe nas instalacións do Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia á simulación da busca dunha persoa desaparecida cun dos vehículos non tripulados da unidade operativa de drons do GALI.
Durante esta visita, na que estivo acompañado do xerente da Axega, Marcos Araújo, anunciou que precisamente os orzamentos da consellería para 2025 inclúen unha partida de 721.300 euros para avanzar no desenvolvemento do proxecto Dronefinder, unha innovadora solución tecnolóxica coa que se pretende reducir os tempos de busca de persoas desaparecidas, tendo en conta que para o éxito destas operacións as primeiras 48 horas son vitais.
Diego Calvo explicou que con esta solución buscase mellorar a eficacia na prevención e nos operativos de desaparicións involuntarias, sobre todo en colectivos vulnerables como persoas maiores, con diversidade funcional ou con enfermidades neurodexenerativas. Trátase dun proxecto desenvolvido pola UTE Aeromedia, Indra e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) para a Axega que xa foi testada en varios escenarios, demostrando que está preparada para integrarse en sistemas de servizos de emerxencias, sanidade ou forzas de seguridade.
Esta tecnoloxía proporciona recursos para buscar e localizar a persoas por mediante a comunicación do dron cun localizador nun reloxo, un detector de teléfonos móbiles ou analizando o vídeo das cámaras integradas nos vehículos non tripulados, que analizan de forma automática e en tempo real imaxes recollidas por cámaras de vídeo duais. Ademais, permite lanzar un aviso directo aos equipos de emerxencias, reducindo os tempos de resposta e optimizando os recursos empregados nos operativos de busca.
Os drons do GALI foron mobilizados en máis dun cento de ocasións desde a posta en marcha do grupo en 2016, das que 15 corresponden ao último ano. Ademais, no 112 Galicia recibiron no que vai de ano case un milleiro de chamadas con situacións deste tipo.
Durante a súa visita, o conselleiro de Presidencia detallou outros proxectos recollidos nos orzamentos do seu departamento para o próximo ano. No caso do concello da Estrada, prevese que na primeira metade de 2025 rematen as obras do novo edificio xudicial, no que a Xunta inviste máis de 3,2 millóns de euros para unificar nunhas instalacións modernas de máis de 1.400 metros cadrados os dous xulgados de Primeira Instancia do concello.
Nesta liña, Diego Calvo avanzou tamén que os próximos orzamentos da súa consellería manterán o compromiso co apoio ao deporte desde a base á elite, cos servizos de emerxencias pese a ser unha competencia municipal, co acceso ao transporte público cunhas tarifas bonificadas e coa acción exterior, destacando neste último ámbito o incremento nun 10% do Plan anual da Cooperación Galega ata os 9,9 millóns de euros.
Por outra parte, sinalou o apoio da Xunta aos concellos con máis de 600 millóns destinados ás entidades locais este ano entre o Fondo de Cooperación Local e as distintas liñas de axudas da administración autonómica. A contía incrementarase en 2025 ata aos os 641 millóns de euros, o maior esforzo da historia da autonomía cos concellos. No que se refire ao investimento no eido local nos orzamentos de 2025, cómpre destacar o incremento histórico na orde de axudas a asociacións de veciños e mulleres rurais e de comunidades de usuarios de augas do Plan de Acción Comunitaria. O próximo ano, segundo avanzou Diego Calvo, estes colectivos recibirán 4 millóns de euros -un 33% máis que os 3 millóns deste ano- para garantir o seu funcionamento, o que supón “un recoñecemento ao seu labor indispensable no desenvolvemento da vida social nos concellos”.




