Ángeles Vázquez subliñou que o obxectivo desta cooperación é facilitar ás persoas xordas e xordo-cegas o coñecemento e acceso aos principais espazos protexidos, centros de interpretación e aulas da natureza da Comunidade
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta renovará no ano 2025 o convenio de colaboración asinado coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAPXG).
Durante unha visita que realizou ao Parque Natural Fragas do Eume xunto cun grupo de 30 membros da entidade, cos que percorreu a ruta circular de Caaveiro, Ángeles Vázquez subliñou que o obxectivo desta cooperación é facilitar ás persoas xordas e xordo-cegas o coñecemento e acceso aos principais espazos protexidos, centros de interpretación e aulas da natureza da Comunidade.
Nesa liña, logo de lembrar que o Goberno galego e a FAXPG veñen colaborando desde 2021 nesta iniciativa, incidiu na importancia de avanzar na eliminación das barreiras comunicativas e contribuír a favorecer a integración social das persoas xordas.
Deste xeito, este convenio, que contará o vindeiro ano cun financiamento de 10.000 euros, pretende garantir un servizo especializado nas accións de comunicación, actos e eventos de carácter institucional que se promovan desde a Xunta así como nas visitas que se organicen a este tipo de espazos para facilitar a participación das persoas xordas e que poidan gozar plenamente da experiencia de percorrer e coñecer os principais espazos naturais protexidos de Galicia.
Para facilitar ese obxectivo, a Federación comprométese a ofrecer un servizo especializado neste tipo de accións de difusión, garantindo unha comunicación real e efectiva entre persoas xordas, xordo-cegas e persoas oíntes a través da posta a disposición de intérpretes de lingua de signos e de guías-intérpretes para apoiar ás persoas xordo-cegas.
A maiores, a conselleira, que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, explicou que tamén está prevista a elaboración de códigos QR adaptados á lingua de signos para ser colocados nos seis parques naturais que hai na Comunidade así como no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.




