HomeXunta de GaliciaA Xunta ve clave a colaboración público-privada para seguir impulsando as oportunidades...

A Xunta ve clave a colaboración público-privada para seguir impulsando as oportunidades de formación e inserción laboral

- Anuncio -spot_img

― José González puxo como exemplo o apoio do Goberno galego ás fundacións Santa María la Real e Iberdrola España no desenvolvemento da nova edición do programa Hubs de activación da empregabilidade que consta de dúas fases con seis lanzadeiras


― A primeira fase está en marcha con 36 participantes, dos que máis de 20 xa atoparon traballo grazas á orientación laboral, competencias transversais e as habilidades máis demandadas no mercado que adquiren con esta iniciativa

― O conselleiro destacou outras medidas autonómicas para favorecer as oportunidades laborais de colectivos prioritarios como Galicia Emprega (case 20 M€) ou a nova convocatoria de Aprol rural que publica hoxe o DOG (máis de 14 M€)

― Tamén salientou accións para casar oferta e demanda laboral e afrontar a cobertura de vacantes, como a modernización do SPEG ou as de captación de talento, entre elas as recentes feiras de emprego celebradas na Arxentina e no Uruguai

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, salientou hoxe a importancia da colaboración público-privada para seguir impulsando a empregabilidade das galegas e os galegos, especialmente das persoas que teñen máis dificultades para atopar un traballo. Neste sentido, puxo como exemplo o apoio do Goberno galego ás fundacións Santa María la Real e Iberdrola España no desenvolvemento da nova edición do programa Hubs de activación da empregabilidade, que consta de dúas fases con medida ducia de lanzadeiras de emprego e co cofinanciamento do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) a cargo do Programa estatal de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita contra a Pobreza e da Xunta de Galicia, que destina a ela preto de 103.000 euros.
Así o expuxo hoxe na visita ao centro do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) en Redondela, no que se desenvolve a lanzadeira de emprego Nómade, unha das que abarca a primeira fase da iniciativa, que se desenvolverá ata o mes de abril e que tamén inclúe a lanzadeira Emprego Activa e a lanzadeira Despega, que teñen lugar no Centro de Orientación ao Emprendemento (A Coruña). Actualmente o programa conta con 36 participantes -21 mulleres e 15 homes- en desemprego de entre 21 e 61 anos con varios niveis formativos (ESO, Formación Profesional, bacharelato e estudos universitarios). Deles, 22 atoparon traballo por conta allea e outras dúas persoas ampliaron a súa información. A segunda fase desta iniciativa iniciarase en maio e prolongaranse ata novembro de 2025, tamén con lanzadeiras simultáneas no Centro de Orientación ao Emprendemento e na localidade de Pontevedra e nela poderán participar unhas 60 persoas. Deste xeito, teñen como obxectivo activar persoal e profesionalmente aos participantes con orientación laboral, competencias transversais e coas habilidades máis demandadas no mercado laboral. Neste sentido, o conselleiro destacou o valor destas iniciativas para mellorar as oportunidades na busca de emprego, o contacto coas empresas e o xeito de enfrontarse a unha entrevista de traballo.
Edición anterior
A edición deste programa dá continuidade á anterior que contou con tres lanzadeiras, desenvolvidas en Santiago de Compostela e na Coruña entre marzo e setembro de 2024. Nelas participaron un total de 80 persoas, que recibiron acompañamento ao longo de todo o proxecto en competencias dixitais e en competencias verdes, mediante sesións online e webinarios, entre outros. Delas, 42 atoparon emprego por conta allea e outras cinco ampliaron a súa formación.
Outras medidas a prol da empregabilidade
Na visita, o titular de Emprego estivo acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, representantes das fundacións Santa María la Real e Iberdrola España, técnicos e participantes das lanzadeiras e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas. Alí, José González tamén expuxo que este programa concorda coas apostas do Goberno galego para promover a empregabilidade entre os colectivos con máis dificultades de inserción laboral, casar oferta e demanda laboral e, ao mesmo tempo, afrontar a cobertura de vacantes. Neste contexto destacou outras medidas autonómicas como o programa Galicia Emprega, dotado de case 20 M€ e aberto ata o 30 de setembro, a nova convocatoria de Aprol rural que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia por máis de 14 M€ e os obradoiros de emprego que promoven as entidades locais co apoio da Xunta.

José González tamén puxo de relevo o proceso de modernización e potenciación do Servizo Público de Emprego de Galicia con accións como a implantación do software EMi nas 54 oficinas de emprego da comunidade e a súa potenciación o que contribuíu a que fose premiada pola Comisión Europea. Salientou ademais a aposta do Executivo galego pola formación flexible e á carta do tecido empresarial, en liña do que promove a UE. Trátase de iniciativas enmarcadas nunha ambiciosa folla de ruta para potenciar a empregabilidade das galegas e galegos, por conta propia e allea, e captar talento, tanto no interior como no exterior e en paralelo favorecer a competitividade do tecido empresarial galego. Neste ámbito o conselleiro puxo como exemplo as feiras de emprego que se acaban de celebrar na Arxentina e no Uruguai.

Publicacións Relacionadas