HomeXunta de GaliciaÁngeles Vázquez salienta que Galicia supera xa os obxectivos da UE para...

Ángeles Vázquez salienta que Galicia supera xa os obxectivos da UE para 2030 en materia de reducción de emisións de cara a acadar a neutralidade climática

- Anuncio -spot_img

— Subliña o traballo levado a cabo polo Goberno galego nos últimos anos de cara consolidar a Comunidade como un referente na loita contra o quecemento global con iniciativas como a Alianza galega polo clima


— Pon a Televés como exemplo de compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) a través da planificación e desenvolvemento de iniciativas orientadas a contribuír ao benestar global e ao coidado do medio ambiente

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salienta que Galicia supera xa os obxectivos da Unión Europea para 2030 en materia de redución de emisións de cara a acadar a neutralidade climática.

Segundo lembrou durante a súa visita ás instalacións de Televés, a conselleira puxo en valor que Galicia é a Comunidade na que máis descenderon as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (59,8%) desde 1990, superando o obxectivo do 55% establecido pola Unión Europea para o ano 2030.

A maiores, cómpre indicar que no que se refire ás emisións brutas é a segunda comunidade na que máis baixaron (33%) chegando a haber máis de 35 puntos porcentuais de diferencia con respecto ao nivel de emisións do conxunto de España, onde, ademais, non baixaron, senón que subiron un 2,4%.

Nesa liña, Ángeles Vázquez subliñou o traballo levado a cabo polo Goberno galego nos últimos anos de cara a consolidar a Comunidade como un referente na loita contra o quecemento global con iniciativas como a Alianza galega polo clima, que pretende aproveitar sinerxías e buscar confluencias que multipliquen o efecto das accións individuais das entidades adheridas. “A colaboración público-privada é indispensable para conseguir a neutralidade climática en 2040”, engadiu a conselleira.

Nese senso, a representante autonómica puxo como exemplo o labor que leva a cabo Televés, unha das empresas adheridas á Alianza galega polo clima, e o seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) a través da planificación e desenvolvemento de varias iniciativas orientadas a contribuír ao benestar global e ao coidado do medio ambiente.

Así, fixo fincapé nas actuacións executadas de cara á redución do uso de residuos perigosos, a aposta polo uso de materiais reciclados, o fomento da mobilidade sostible e a renovación de instalacións para acadar unha maior eficiencia enerxética.

Alianza galega polo clima
Cómpre lembrar que a Alianza galega polo clima, que conta xa con 154 entidades adheridas entre universidades, organismos, autoridades portuarias, entidades asociativas ou empresas, ten o obxectivo de conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o quecemento global, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar a neutralidade climática.

Pretende, entre outras cuestións, o establecemento de accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático; o fomento de intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica e xurídica neste eido; a promoción da investigación vencellada co clima e a difusión de tecnoloxías para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.

De feito, segundo salientou a conselleira, onte celebrouse o primeiro encontro técnico de entidades adheridas a esta iniciativa coa que se dá inicio a unha nova fase, na que se programarán eventos e encontros orientados a impulsar novas canles de comunicación e netwoking que faciliten o intercambio de boas prácticas. A maiores, incidirase na formación do tecido produtivo en temas medioambientais e porase á disposición das entidades adheridas á iniciativa unha oficina de apoio -accesible a través dunha páxina web- para acelerar a adopción de prácticas de sostibilidade ambiental.

Publicacións Relacionadas