HomeXunta de GaliciaFabiola García advirte ao Goberno Central que Galicia non aceptará nin imposicións,...

Fabiola García advirte ao Goberno Central que Galicia non aceptará nin imposicións, nin ameazas, nin insultos en relación ao acollemento de menores migrantes

- Anuncio -spot_img
  • Criticou a falta de diálogo, de planificación e de financiamento por parte do Executivo de Pedro Sánchez
  • Asegurou que, a día de hoxe, ningunha Comunidade Autónoma sabe cantos menores se queren trasladar, cando se quere facer este traslado e que necesidades educativas, sanitarias ou doutro tipo teñen
  • Pon en valor a colaboración coa Deputación de Pontevedra para dar continuidade á atención residencial e diúrna no centro Príncipe Felipe

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, sinalou hoxe que “non aceptaremos imposicións, nin ameazas nin insultos” e volveu demandar ao Goberno central diálogo, planificación e financiamento para abordar o traslado á Península dos menores migrantes non acompañados. Fíxoo durante unha visita ao Centro Infanto Xuvenil Príncipe Felipe, na que puxo en valor a colaboración entre Xunta e Deputación Provincial para atender ás necesidades dos nenos e adolescentes máis vulnerables. Na visita tamén participaron o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey,  a deputada provincial de Igualdade e Benestar Social, Sandra Bastos, e directora do centro, Ana Amoedo.

Fabiola García lamentou que o Executivo de Sánchez prefira a intimidación ao consenso para abordar un tema tan importante como é o benestar e os coidados dos menores migrantes. Ao respecto, manifestou que a día de hoxe ningunha Comunidade Autónoma sabe cantos menores se queren trasladar, cando se vai facer e que necesidades educativas, sanitarias ou doutro tipo teñen.

A conselleira criticou ao Goberno central por pactar cos seus socios en contra da maioría das Comunidades Autónomas, pola falta de coordinación e por pretender que os custos da acollida o asuman na súa totalidade as Comunidades. Ademais, sinalou que a rede de protección de Galicia está ao máximo da súa capacidade e acusou ao Executivo de Pedro Sánchez de querer crear guetos .

Fabiola García lembrou que Comunidades gobernadas tanto polo PP como polo PSOE recorreron ao Tribunal Constitucional porque “é totalmente inaceptable” a maneira en que está a actuar o Executivo central neste asunto.

Convenio co organismo provincial

A titular de Política Social e Igualdade manifestou que a Xunta sempre apostará pola colaboración en favor da protección dos nenos e adolescentes, veñan de onde veñan. Como mostra puxo a recente renovación do convenio coa Deputación de Pontevedra para dar continuidade durante os próximos catro anos aos servizos de acollemento residencial e atención diúrna que se prestan no centro Príncipe Felipe.

O Goberno galego destinará 11,2 millóns de euros ata o 2029 para dar continuidade a atención neste equipamento provincial. O Príncipe Felipe é un centro no que se traballa por pequenos fogares ou unidades de convivencia cos menores e no que se fai unha intervención especializada en función das idades e necesidades que teñan cada un deles.

Publicacións Relacionadas