HomeXunta de GaliciaGalicia reúne en Baiona ás comunidades costeiras no I Cumio do Litoral,...

Galicia reúne en Baiona ás comunidades costeiras no I Cumio do Litoral, que arranca cunha coferencia do maxistrado do Tribunal Constitucional César Tolosa

- Anuncio -spot_img
  • Representantes dos distintos Gobernos autonómicos abordarán as diferentes visións sobre a ordenación do litoral existentes en España e as diversas casuísticas existentes na franxa cantábrico-atlántica e na mediterránea

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asistiu hoxe á videoconferencia-coloquio inaugural do I Cumio do litoral, que reúne en Baiona a representantes dos Gobernos autonómicos das comunidades costeiras para abordar a xestión do dominio público marítimo-terrestre e como avanzar na asunción plena das competencias neste eido.

A intervención inaugural correu a cargo do maxistrado do Tribunal Constitucional César Tolosa, autor da histórica sentenza do Alto Tribunal que avalou a constitucionalidade da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga), fronte ao recurso presentado polo Goberno central contra ela.

Esa resolución do Tribunal Constitucional referendou que a comunidade ten competencias plenas para ordenar e xestionar o seu litoral, tal como lle recoñecía o Estatuto de Autonomía e defendeu a Xunta desde o primeiro momento fronte á negativa do Executivo central a transferirlle os medios e funcións neste eido.

O fin último deste cumio é avanzar na cogobernanza na xestión do dominio público marítimo-terrestre e aproveitar as sinerxías con outras autonomías que tamén están a exercer as competencias en materia de ordenación dos espazos do litoral ou que aspiran a facelo. Por iso, no encontro están presentes representantes de practicamente todas as comunidades costeiras de España, co fin de que poidan aportar a súa visión nesta materia ou coller ideas para avanzar no autogoberno pleno do seu litoral.

A xornada de mañá contará coa participación de distintos expertos e representantes institucionais entre os que estará o director do Observatorio do litoral de Galicia -cun papel chave na redacción da Loxilga-, Javier Sanz Larruga, que impartirá o relatorio Un paso máis cara a ordenación e xestión integrada do litoral español e o director do Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Francisco Saborido, co relatorio CSIC: programa de ciencias mariñas e investigación ao servizo dos desafíos do litoral.

A maiores, celebraranse dúas mesas redondas nas que se abordarán as diferentes visións na xestión do litoral existentes en España e as distintas casuísticas existentes entre a franxa cantábrico-atlántica e a mediterránea.

Debates

Na primeira, centrada na visión atlántico-cantábrica do litoral participarán a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez; a conselleira de Alimentación, Desenvolvemento Rural, Agricultura e Pesca do País Vasco, Amaia Barredo; o conselleiro de Ordenación do Territorio, Urbanismo, Vivenda e Dereitos Cidadáns do Principado de Asturias, Ovidio Zapico; o conselleiro de Fomento, Vivenda, Ordenación do Territorio e Medio Ambiente de Cantabria, Roberto Media; e o director xeral de Costas e Xestión do Espazo de Canarias, Antonio Acosta.

A segunda, coa visión mediterránea sobre a costa, contará coa intervención do conselleiro de Mar e Ciclo da Auga das Illas Baleares, Juan Manuel Lafuente; do viceconselleiro de Sostibilidade e Medio Ambiente de Andalucía, Sergio Arjona; do director xeral de Costas, Portos e Aeroportos da Comunidade Valenciana, Marc García; e do subdirector xeral de Actuacións no Litoral de Cataluña, Xavier Berga.

Despois destas mesas redondas o vicepresidente segundo e conselleiro para a Recuperación, Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio da Comunidade Valenciana, Vicente Martínez, impartirá o relatorio A lei da costa valenciana: un novo marco estratéxico para a protección e xestión do litoral. Xusto a continuación producirase a clausura do cumio por parte da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia.

Publicacións Relacionadas