— O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu á proxección de hoxe, xunto co director da Casa de Galicia en Madrid, Luis Ramos
— Tamén estiveron a directora do documental, Cristina Pascual, o produtor Alberto Outeiriño e as protagonistas -procedentes do concello ourensán de Maceda- para contar en primeira persoa os seus testemuños
— O proxecto forma parte dos esforzos da Xunta de Galicia por manter viva a conexión entre os galegos do exterior e a súa terra de orixe
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu hoxe á estrea do documental Anduriña, muller de ida e volta na Casa de Galicia en Madrid, unha peza dirixida por Cristina Pascual e producida por O Faiado Producións. A peza audiovisual recolle os testemuños de 15 mulleres do concello ourensán de Maceda, que compartiron as súas vivencias como emigrantes e as dificultades que enfrontaron na súa travesía de ida e volta entre Galicia e outros países.
O acto contou tamén coa presenza do director da Casa de Galicia en Madrid, Luis Ramos, da directora do documental, Cristina Pascual, e do produtor Alberto Outeiriño. Aproveitando o visionado, Miranda destacou a importancia desta obra para preservar a memoria colectiva da emigración galega, poñendo en valor a resiliencia destas mulleres que souberon enfrontarse a retos como a soidade, a distancia e a adaptación a novas culturas.
Tras esta estrea de hoxe en Madrid, o documental iniciará unha xira que percorrerá máis de 50 centros galegos de todo o mundo, levando a historia destas mulleres a comunidades de emigrantes en diferentes países pero tamén a centros galegos da península. Este proxecto forma parte dos esforzos da Xunta de Galicia por manter viva a conexión entre os galegos do exterior e a súa terra de orixe.
Cómpre engadir que as Anduriñas protagonistas do documental son: Francisca Costa Blanco, Pilar Iglesias Lamelas, Paz González González, Maruja Requejo Valino, Victoria Gómez Martínez, Josefina González González, Filo Vázquez Gómez, Elvira Méndez Asorey, Concepción Bretana Estévez, Asunción Blanco Fernández, Dolores Fernández Sinde, Emilia Fernández Sinde, María Dolores Gómez Bretana, María Concepción Gómez Fernández e María Rosa Méndez Pardo.




