HomePontevedraOs Días do Cómic e das Letras Galegas protagonizan as actividades de...

Os Días do Cómic e das Letras Galegas protagonizan as actividades de maio na Biblioteca da Xunta en Pontevedra

- Anuncio -spot_img

Haberá obradoiros, contacontos e centros de interese centrados nestas conmemoracións

A Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, xestionada pola Xunta, organiza para maio diversas actividades centradas especialmente nas celebracións do Día do cómic, o día 1, e das Letras Galegas, o 17. Obradoiros, contacontos e centros de interese destinados a todo tipo de público enchen a programación do vindeiro mes. A información sobre a axenda prevista pode consultarse na web da biblioteca, onde tamén se poden realizar as inscricións para as actividades con límite de cabida.

Así, co gallo do Día do cómic, desenvolveranse catro sesións dun obradoiro en liña dedicado a este xénero, da man de Yago García. A actividade vai dirixida ao público de 14 anos en diante e terá lugar os días 7, 14, 21 e 28 de maio de 18,30 a 20,00 h. Os participantes afondarán nas fases polas que pasa a creación dun cómic, coa preprodución, na que se traballa o guión, deseño de personaxe e escenarios, a produción, coa preparación da zona de traballo e debuxo a lapis, e post-produción, co tinguido, escaneado e composición de textos.

No marco desta celebración tamén se instalará o centro de interese Achégate á literatura a través do cómic, que poderá visitarse ata o 15 de maio. Nel exporase unha selección de cómics que inclúe biografías de escritores e adaptación de novelas ao formato da banda deseñada.

Canto ao Día das Letras Galegas, a biblioteca pública xestionada pola Xunta en Pontevedra organizou o obradoiro de creación literaria Xogando coas Letras Galegas, no que se elaborarán e ilustrarán poemas a partir de textos de autores galegos. A actividade, destinada á rapazada de 6 a 12 anos, realizarase o día 14 de 18,00 a 19,00 h. Ademais, o público infantil de 6 anos en diante é o destinatario da sesión de contos musical e o obradoiro de debuxo Xela Arias, pequena biografía ilustrada que se desenvolverá o 21 de maio ás 18,00 h.

Ao redor desta sinalada data montaranse dous centros de interese, un para o público infantil, Letras miudiñas, cunha mostra bibliográfica con obras e biografías dos autores e autoras aos que se lles dedicou o Día das Letras Galegas, e outro para o público xuvenil e adulto, Xela Arias: renovación e sensibilidade, coa obra desta escritora nas súas facetas de poeta e tradutora. Ambas mostras poderán visitarse ata finais de mes.

Obradoiros de cinema e de robótica
A maiores das actividades conmemorativas do Día do cómic e das Letras Galegas, o biblioteca Antonio Odriozola acollerá o 7 de maio de 18,00 a 20,00 h o obradoiro de cinema con dispositivos móbiles Cinema de peto. Na sesión, dirixida a público xuvenil a partir de 16 anos, os participantes realizarán un proxecto audiovisual completo, desde a idea orixinal ata a edición final.

Pola súa banda, a rapazada de 8 a 12 anos poderá participar o 28 de maio de 18,00 a 19,00 h. no obradoiro creativo de robótica, no que aprenderán os fundamentos desta tecnoloxía, fabricarán o seu propio robot e resolverán un problema da vida cotiá.

O centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán, o 12 de maio, terá tamén o seu lugar na biblioteca cun centro de interese para público xuvenil e adulto, no que se exporá unha selección de libros da escritora e sobre ela para levar en préstamo, así como unha breve biografía e bibliografía. Poderá visitarse ata o 21 de maio.

Publicacións Relacionadas