HomeXunta de GaliciaRomán Rodríguez destaca o crecemento da matrículo de FP en todas as...

Román Rodríguez destaca o crecemento da matrículo de FP en todas as provincias e en famililas como as de seguridade, téxtil, actividades físicas e edificación

- Anuncio -spot_img
  • Subliña que a aposta da Xunta por unha formación altamente cualificada e “á medida de cada cidadán” se reflicte nun novo récord de 71.229 estudantes, un 3,5% máis
  • Reivindica a FP como unha “porta de oportunidades” independentemente de onde se viva, o que consolida o modelo educativo galego de igualdade

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, subliña o crecemento da matrícula das ensinanzas de FP en todas as provincias e na meirande parte das familias profesionais este curso académico 2025-26.

Así o concretou esta mañá nunha visita ao Centro Integrado de FP CIFP Paseo das Pontes, na Coruña, onde reivindicou a aposta da Xunta por unha formación “altamente tecnificada e cualificada”, cunha oferta deseñada “á medida de cada cidadán”, o que se reflicte nun novo récord de 71.229 estudantes, un 3,5% máis que o curso pasado. 

O titular de Educación do Goberno galego puxo en valor a cooperación co tecido socio-económico e cos axentes locais para o deseño dunha oferta ampla e variada así como a introdución de novas vías de formación “innovadoras e pioneiras de Galicia” enfocadas a “dar máis oportunidades” ás persoas para mellorar a súa cualificación e abrirse portas ao mercado laboral.

Entre as novidades están precisamente as formacións aceleradas, unha experiencia piloto de formación rápida, concentrada nun período de entre catro e seis meses de duración e  que, malia a “non ser aínda moi coñecida”, arranca por primeira vez este curso con 162 persoas matriculadas na primeira quenda que vai de setembro a xaneiro.

Tal e como avanzou o conselleiro, a final de ano abrirase de novo a matrícula para a segunda quenda de formación que corresponde ao período xaneiro-xuño.

Porta de oportunidades

Román Rodríguez destacou tamén a FP como unha “porta de oportunidades” independentemente de onde se viva, o que consolida o modelo educativo galego de igualdade.

Así pois, por provincias, rexístranse 31.216 persoas matriculadas na da Coruña (+3,3%), 7.282 en Lugo (+4,1%), 6565 en Ourense (+5,1%) e 26.166 en Pontevedra (+3,1%). Atendendo ás áreas territoriais, a que máis medra é a de Lemos-Chantada-Quiroga (+8,2%), seguida da de Pontevedra (+7,4%) e Valdeorras-Trives-Caldelas-Viana (+7%).

Na variable rural-urbano, destaca o eido rural cun incremento de matrícula do 4,5%, con 8.115 persoas, 599 máis que o curso pasado. No eido urbano o crecemento é do 3,4% ata acadar as 63.114 (3.700 máis).

No que atinxe á área da Coruña, que hoxe visitou o conselleiro, rexistráronse 16.113 persoas matriculadas en FP este curso, 662 máis que o pasado curso, o que supón un incremento de algo máis do 4%.

Familias profesionais

No que atinxe ás familias profesionais, das 25 que se poden estudar en Galicia, a matrícula medra en 16 delas. As subas máis salientables son as de Seguridade e medio ambiente (+99,4%), Téxtil, confección e pel (+12,3%), Actividades físicas e deportivas (+11,3%) e Edificación e obra civil (+10,7%).

Non obstante, o maior número de alumnos concéntrano os ciclos da familia de Sanidade con 10.604 persoas matriculadas, seguido do de Administración e xestión con 9.361 matrículas e Informática e comunicacións con 8.572 matriculados.

CIFP Paseo das Pontes

O conselleiro tamén asegurou que o CIFP Paseo das Pontes é un dos expoñentes da fortaleza das ensinanzas de FP en Galicia, grazas ao “bo facer” do seu profesorado ao longo dos 25 anos de historia deste centro que hoxe supera os 1.000 alumnos matriculados.

Neste senso tamén lembrou a aposta da Xunta por dotar os centros de FP de infraestruturas axeitadas para a impartición dos distintos ciclos formativos. Precisamente neste centro a Xunta ten comprometida unha obra de ampliación das súas instalacións por un importe de 500.000 euros, cuxo estudo se está redactando.

Publicacións Relacionadas