HomeXunta de GaliciaRueda anuncia un novo Plan de investimentos para mellorar as infraestructuras educativas...

Rueda anuncia un novo Plan de investimentos para mellorar as infraestructuras educativas ata 2028 dotado cun orzamento inicial de máis de 210 M€

- Anuncio -spot_img

 Destaca as obras de rehabilitación dun “edificio emblemático e con moita historia” coma o IES Valle-Inclán nas que a Xunta inviste 4,7 M€


 Salienta que o curso escolar 2024-2025 é o primeiro no que Galicia aplica a gratuidade en todas as etapas educativas desde as escolas infantís ata a universidade


 O novo curso arranca cun incremento récord de profesorado, a redución dos rateos ou a mellora da atención á diversidade

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo fincapé hoxe no éxito do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, iniciado en 2021, “para adaptar os diferentes edificios ás novas necesidades” do ensino público e anunciou un novo plan de mellora das infraestruturas educativas “para os vindeiros tres anos” que contará cun orzamento inicial de máis de 210 millóns de euros. O obxectivo é poder levar a cabo preto de 200 intervencións no período 2025-2028.

Así o salientou durante unha visita ao IES Valle-Inclán de Pontevedra, na que estivo acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, coincidindo co inicio do novo curso académico. Este mesmo centro está a ser obxecto, a través dun investimento público de 4,7 M€. O presidente fixo fincapé na importancia desta rehabilitación -que estará rematada a principios do ano que vén- xa que se trata “dun edificio emblemático e con moita historia”.

O titular do Goberno galego quixo aproveitar para destacar a importancia do labor docente ao mesmo tempo que salientou os avances no sistema educativo galego nas últimas décadas, facendo referencia aos logros en excelencia, equidade e innovación. Cómpre destacar os bos resultados obtidos polos estudantes galegos no informe PISA e a redución da taxa de abandono escolar a mínimos históricos –apenas supera o 9 %–, así como a posición de Galicia como líder en equidade a nivel nacional e unha das comunidades autónomas mellor equipadas tecnoloxicamente.

Gratuidade en toda a etapa escolar
Neste contexto, Rueda lembrou que o curso escolar 2024-2025 será o primeiro no que Galicia implanta a “absoluta gratuidade” no ensino público “desde os inicios ata a universidade”.

Ademais, outras das novidades para este curso, froito dun acordo histórico cos sindicatos, son o incremento récord do profesorado, a redución dos rateos nun 20 %, a mellora da atención á diversidade ou o Plan MEGA, orientado a fomentar o éxito escolar do alumnado con medidas como a atención ás necesidades educativas especiais, entre outras.

Publicacións Relacionadas